martes, 8 de febrero de 2011

Adeus, Benito


Fai trece anos levei un accésit, apenas unha mención, no concurso de cómic que cada outubro se falla na Casa da Xuventude de Ourense. Alí foi onde Benito Losada se achegou a min e díxome: «Gustoume moito o teu cómic, venseche mimbres de autor; por favor, segue traballando e facendo tebeos, non o deixes».

Esas poucas palabras significaron un pulo enorme para o rapaz que era eu daquela, déronme alento para mellorar, para avanzar. A día de hoxe gáñome a vida escribindo e debuxando tebeos.

Eu só son un mais dos innumerables rapaces ós que nalgún momento Benito axudou, xa fora pondo a súa disposición instalacións para que puideran dar renda solta as súas inquietudes, achegándolles a Cultura con eventos como as Xornadas de Banda Deseñada, o Outono Fotográfico, a Bienal de Caricatura e tantas outras mostras e actividades, ou, simplemente, dicíndolles a frase axeitada no momento axeitado para darlles fé en si mesmos e gañas de crear, de avanzar.

Esta cidade perdeu hoxe a un dos seus activos culturais mais grandes e importantes, un loitador nato, que co seu traballo, ilusión e simpatía deu alas a moita xente para facer de Ourense e do mundo un lugar mellor. Posiblemente eu non me adicaría ós tebeos hoxe en día sen aquela frase alentadora de Benito, estarei sempre en débeda con él. Como tantos outros, como todo Ourense.

Vaise un grande, pero fica con nós o seu legado. Continuémolo. Non o esquezamos.

Adeus, Benito, e sempre grazas. Sempre.

d.